Sunday 28 de April de 2024

O Concello apoia o labor a prol do deporte base do Rápido de Neda cunha subvención de 6.000 euros


A Sociedade Deportiva Recreativa Rápido de Neda vén de recibir 6.000 euros do Concello de Neda no marco das subvencións municipais para apoiar o labor das entidades sen fin de lucro. A administración local colabora deste xeito co veterano club no fomento da actividade físico deportiva entre a xente nova da localidade.
Con máis de 120 xogadores/as, e oito equipos en competición durante a tempada 2023/2024, dende pre-benxamíns ata modestos, o SDR Rápido de Neda concorría á convocatoria de administración local na procura de fondos para promover a práctica de fútbol entre a poboación infantil e a mocidade da vila.
E así, a entidade decidía investir a axuda na adquisición de equipación, é dicir, á compra de roupa deportiva para a plantilla.
Esta subvención supón un novo respaldo ao traballo da emblemática entidade, que festexaba no 2023 medio século, a prol do deporte base. Un labor que o Concello vén impulsando tamén coa progresiva posta a punto do Campo de fútbol Juanito González, onde adestra e xoga o equipo. Así, nos último bimestre do 2023 levaba a cabo a renovación das gradas e a compra de novos banquillos, nunha intervención co financiada pola Xunta.